10/6/07

Matar a un ruiseñor

A pequena Scout (Mary Badham) conta un verán da súa vida na pequena vila de Maycom, Alabama, a carón do seu irmán Jem (Phillip Alford), e do seu pai, Atticus (Gregory Peck), avogado viúvo. Jem prepárase para recibir unha lección sobre a crueldade humana e o seu pai sabe que non o pode evitar: "...nunca entenderás a unha persoa ata que vexas as cousas desde o seu punto de vista, ata que esteas na súa pel". Un xove negro é acusado de violar a unha muller branca. Atticus será o encargado de defendelo.
Dicir que Gregory Peck está espléndido neste papel no lle fai xustiza. Nel, Atticus, convértese nun home firme e sensible, un home xusto e sen prexuízos que nos amosa o sinxelo que é ser fiel a un mesmo.
É unha película lenta porque, aínda que o que explica é fácil de entender, a mensaxe que pretende deixar en nosoutros debe entrar lentamente, pois vén a quedarse.
"Os rousinois non fan outra cousa que crear música para que a desfrutemos. Non comen os xardíns da xente, non fan niños nos celeiros, non fan outra cousa que cantar o seu corazón para nós. É por iso que é un pecado matar a un rousinol".

No hay comentarios:

LinkWithin