24/4/08

Centenario de Curros Enríquez

A partir de mañán, 25 de abril, levaranse a cabo ó longo de toda a nosa xeografía unha serie de actos para conmemorar o centenario de Manuel Curros Enríquez. Co nome de Curros Enríquez. Nación, libertade e progreso inaugurarase unha exposición na Coruña, comezando así co programa de actividades ( concertos, representacións teatrais, conferencias...). En palabras da conselleira de cultura, A. Bugallo : "Trátase de facer chegar a obra do poeta e a súa defensa polo pobo e a lingua galega a todos os públicos" ( El País, 19/04/08).

Facendo un breve repaso pola súa biografía, diremos que o poeta naceu en Celanova (Ourense) en 1851 e que abandonou a casa paterna, por diferencias familiares, cando tiña 15 anos. Foi a Ourense e de alí a Madrid, onde estivo baixo a protección de Modesto Fernández e González, un periodista ourensán. Nestes tempos revoltos da vida política completa a súa formación intelectual e comeza a escribir ("Cántiga" apareceu no ano 1869). Despois dun pequeno exilio en Londres, colabora coa prensa e funda con Vesteiro Torres a sociedade Galicia Literaria, presidida por Francisco Añón. Despois dun grave accidente sucedido no País Vasco na súa etapa como corresponsal de El Imparcial, regresa a Madrid e continúa coa súa actividade literaria e periodística.

No ano 1877 gaña un certame poético, presidido por Saco e Arce, coas súas composicións "Unha boda en Einibó", "A Virxe do Cristal" e "O gueiteiro". En 1880 publica Aires da miña terra. Precisamente e, a raíz da publicación desta obra ( o bispo de Ourense considerou que algunha composición ía contra os dogmas do catolicismo), sufriu todo un proceso do que saiu absolto pero foi cesado do seu posto de funcionario en Ourense e voltou a Madrid.

En 1888 foi publicado O Divino sainete, considerado polo autor como a mellor das súas obras.

Despois dunha serie de circunstancias familiares e profesionais desfavorables , emigra a Cuba onde colabora coa prensa. En 1904, na Coruña, recibe unha homenaxe nun acto presidido por Murguía. De regreso na Habana tentou constituir a Academia Galega.

Morreu no ano 1908 e os seus restos foron trasladados a Galicia.

Foi unha figura fundamental no Rexurdimento, xunto con Rosalía de Castro e Eduardo Pondal .

. Fontes consultadas:

. Literatura galega do Colectivo Seitura, Ed.Xerais.

. http://www.fillos.org/galicia/

. http://mundozhoya.blogspot.com/

No hay comentarios:

LinkWithin