24/5/09

Profesor Holland

Non vira esta película, Profesor Holland ( Stephen Herek, 1995), sobre a vida dun profesor de música que consegue entusiasmar aos seus alumnos e atoparse a si mesmo, e debo dicir que me sorprendeu. Non pasará á historia do cine coma unha cinta extraordinaria, seguramente, pero faranos pensar na docencia, na nosa vida, e na influencia que podemos ter nos demais por medio do noso traballo.


A película cóntanos a historia de Glenn Holland, un músico que, canso de tocar en clubs nocturnos, decide dedicarse á docencia. Instálase coa súa muller en Portland e alí da clases no instituto John Fizgerald Kennedy. É un home discreto que cumple coas súas obrigas profesionais e ao que algunha vez a directora do centro lle recrimina que non se comprometa máis.Vai pasando o tempo e non acaba de conectar cos seus alumnos, dá a impresión de que a música non lles interesa, non estudian e el non está satisfeito cos resultados. Sen embargo, o anuncio de que vai ser pai provoca un cambio na súa forma de ver a vida e, a partir dese momento, entende a docencia doutro xeito. Comeza entón a preocuparse máis de preto polo seu alumnado, a implicarse máis, a entender a música como un xeito de divertirse e de expresar sentimentos e prodúcese o milagre : os alumnos cambian de actitude e interésanse pola materia de "Apreciación musical" que Holland imparte.

Este home, que nunca fai alarde dos seus coñecementos e que gaña o respecto e o cariño de todos, ten que facer fronte tamén á xordeira do seu fillo e a unha vida familiar á que dá a impresión que non dedica todo o tempo que sería necesario. A súa implicación profesional é moi intensa e, con moitas dificultades, tenta ter tempo para compoñer.

Despois de moitos anos de traballo, o centro decide facer un recorte presupostario e prescindir , entre outras, da súa materia. Holland, despois de facerse oír, comprende que esa é a súa verdadeira vocación, e que, tras trinta anos de traballo, vese obrigado a xubilarse. Sen embargo, non sabe a sorpresa , moi á americana, que lle espera...

1 comentario:

Oki dijo...

Ten boa pinta, haberá que vela para comprobar todo isto que contades.
Saúdos

LinkWithin