16/10/09

Hipatia (I)

Dende o Departamento de Latín e Grego, Belén González, que tamén pertence ao equipo da biblioteca, achéganos á figura de Hipatia de Alexandría.


¿Sabedes que a nova película de Amenábar,“Agora”,está baseada na vida dunha muller real, Hipatia de Alexandría, filósofa e científica do século IV d. C.? Aquí tedes alguns datos da súa biografía.

Hipatia naceu en Alexandría a mediados do século IV d. C., algunhas referencias din no 370 e outras no 355, en pleno Imperio Romano tardío. O seu pai ,Teón de Alexandría, era un famoso matemático e astrónomo que de seguro traballaba e daba clases na biblioteca, (a que substituíu á lendaria Biblioteca de Alexandría que desapareceu no incendio do 48 a.C) . Hipatia era unha muller aberta ó saber a quen se lle transmitiu a paixón da investigación, educándose ademais nun ambiente académico culto.


Aprendeu a historia das diferentes relixións que se coñecían naquel entón, oratoria, o pensamento dos filósofos neoplatónicos e os principios do ensino. Viaxou a Atenas e a Roma co afán de aprender e ensinar e a súa casa foi un lugar de ensino onde ían estudantes de todas partes do mundo coñecido, atraidos pola súa fama. Un dos seus alumnos foi Sinesio de Cirene, bispo de Ptolemaida (en Fenicia), rico e poderoso, que deixou escrita información sobre Hipatia, a súa mestra. Asemade, Hipatia interesouse pola mecánica e a tecnoloxía. Sábese que inventou un aparello para destilar auga, un hidrómetro graduado para medir a densidade dos líquidos e un astrolabio.

No hay comentarios:

LinkWithin